Teléfono: 982128689

Caldo de gloria

"Fixen un caldo de groria que me soupo que la mar"
Rosalía de Castro, Follas novas, 1880

Unha cita para gozar das mellores tapas en Ribadeo.

Se visitas Ribadeo con esta escapada gastronómica é obrigatorio coñecer o Caldo de Gloria, tan gabado pola nosa poeta Rosalía de Castro. Non hai prato máis humilde nin máis pegado á terra. Símbolo de humildade, máis tamén de cultura gastronómica.
A súa preparación é sinxela pero precisa: “Nun pote grande póñense fabas e auga case ata o bordo. Colócase o pote ao lume, e cando ferve, engádeselle o unto en proporción, non ao que o caldo require, senón ao que o peto do comensal permite. Á hora e media de estar a cocer engádense as patacas finamente cortadas, e cando están cocidas van as verduras lavadas, cortadas e escollidas, facendo ferver de novo a mestura destapada”.
Viaxeiro gastronómico, sempre é preciso coñecer ás orixes, o pasado, para dar valor e entender o presente. Con estes pequenos parágrafos pretendemos somerxerte un pouquiño máis no comezo da nosa gastronomía porque esta é cultura, tradición, historia; sabedoría necesaria para valorar a nosa verdadeira identidade local.

DEGUSTACIÓN

Sábado 21 de maio

A partir das 12:30h na contorna da Praza de Abastos. Degustación do “CALDO DE GLORIA” de Rosalía de Castro a cargo da Comisión de festas da patroa de Ribadeo.

Inclúe a lectura do poema de Rosalía a cargo de Susana Álvarez e ambientación musical

Miña casiña, meu lar

Poema de Rosalía de Castro

Miña casiña, meu lar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!

 

Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna,
sin comer nin almorzar.

Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,
i anque ganas tiña delas,
non tiña para as pagar.


Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.

Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar,
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.


A vista se me barría,
que era aquél moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían,
que me fora a avergonzar.


Volvínme á miña casiña
alumada do luar;
rexistréi cada burato
para ver de algo atopar;
atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios alabar.


Quixen alcendé-lo lume;
non tiña pau que queimar;
funllo a pedir a unha vella;
tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.


Volvín triste como a noite
a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar;
rexistréi polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios Dar.


¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbar
un ichavo da fertuna…
¡Miña Virxe do Pilar!


Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.


Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.


Nantramentras me secaba,
púxenme logo a catar
para que me oíran
en todo o lugar:

 

Meu lar, meu fogar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!